Ao Gafos: Río esquecido

     Ti estás ahí e eu nin me decato.

Fuxindo irremediablemente nun constante camiñar que non te levará mais aló de onde xa estás. Furibundo e intenso ou calmo e sosegado, qué máis ten? Seguirás ahí, baixo o sol ou fusionándote coa chuvia, ao meu carón, e eu nin me decato.

No teu fluir de auténtica xenreira deitáronse máis bágoas que estrelas no ceo.

As tuas augas acompañan aos paseantes que só buscan que te leves os seus pensamentos lonxe, que os arrastres coma pequenos croios no teu leito.

E ti escoitas; cando semella que non fica ninguén na cidade que non prostitúa o seu apoio apareces ti, tras das verdes árbores. Agochado das moles de formigón, ou foron elas quen te deron as costas?

Fluías entre pedra e soutos mais eras parte da cidade.

Canta forza hai que ter para ollar impasibel aos enfermos de lepra camiñar na tua beira? Cantas confidencias te contaron as lavandeiras? Cantos corpos aloumiñaches? De cantos bicos fuches testigo só ti? Segues a gardar segredos, a acobillar namorados e eu nin me decato.

Fuches esquecido por uns, pero es oasis de tranquilidade para outros, que seguen a medrar ao teu carón, a xogar, a confesarse, a bicar…

E ti segues ahí arrulando o silencio co teu marmurio, malia que ninguén se decate.

Sandra Martínez Rodríguez

© 2019 Vaipolorio | Deseño yagocamarero.com