O narciso do río Gafos

     O Narcissus cyclamineus, narciso e noutros lugares amarelle, é unha pequena flor con segmentos da corola ou tépalos revirados que lle dan a súa forma característica. Parten do seu bulbo tres follas lineais e do medio delas un longo escapo ou bofardo coa floriña de amarela frescura no cume. Estos días ferven espontáneos a beira do río Gafos.

Endémico do noroeste peninsular é unha xolla botánica. Segundo afirmou o especialista vascular pontevedrés Silva Pando.

No río Gafos medra entre xaneiro e febreiro.

O narciso acude puntualmente adiantando a primavera como fan a prímula ou o ranunculus fasciculare dun dourado refulxente.

Nunha cidade, como Pontevedra, na que a súa fundación por Teucro ninguén discute, ben puideran convivir Zeus, Hera, Némesis, Eco e Narciso.

Segundo Ovidio, na súa metamorfose, ao morrer Narciso convirtíuse nuha rosa. Outras lendas din que o fermoso mozo doulle nome a homónima flor do narciso.

O mito de Eco e Narciso é un tema tan recorrente que non perde actualidade como argumento pictórico, poético ou teatral. Quizáis teña vida latente como a ceboliña da nosa planta que pode manterse anos, se as condicións ambientais non son axeitadas para o seu xermolo.

Seu endemismo, súa fermosura e o feito de acudir adiantando a primavera, fanno merecedor destos versos vaidosos en métrica (vaidosos como Narciso).

Ollándose no espello do Gafos Narciso
escoitou a chamada de Eco,
vaidoso, namorarse non quixo,
abrallado da súa faciana de moneco.

Máis a soberbia se paga
morrendo no rio afogado
por capricho de unha fada
ao non velo de Eco Namorado.

Na seguinte primavera
tornouse flor Narciso
e dende entón na ribeira
chora e lamenta indeciso.

Gonzalo Sancho Blanco

© Vaipolorio | Deseño yagocamarero.com