Regueifa famosa sobre o río Gafos

-Papá, papá: que reguapo
che é o río dos Gafos!
Onte por el paseamos,
por el fomos de excursión
e gustounos un montón!!

-Cala, fillo, non me amoles!
Que o Gafos non é río!
É regueiro pousafoles,
é regato cheo de lixo,
é un mal rego cativo!

-Cala, ho! Pero, que dis?
Que o Gafos e a capital
xa non che están tan mal.
Mais, cos lustros que tes ti,
é normal pensar así.

-Para o carro, amiguiño,
que faltar non che faltei;
co Gafos emporcadiño,
latas, plásticos, xerseis,
rodas, granadas... son lei!

-Once anos, once!, van xa,
que a xente vai polo río:
limpou, limpou, limpará...
e o lixo foi pasadío
e o Gafos limpo e novío.

-Pois non terá refugallo,
mais será imposible o paseo,
estará a monte sen prados,
con silveiras e rochedo,
todo ermo e moi, moi feo.

-Vaite, ho!, que o Gafos é ENIL!!!
A pé, na bici ou co can,
é un roteiro señoril
que centos de cidadáns
percorren con moito afán!

-Por moita sigla que uses,
por moita xente que contes,
a súa fauna é moi cutre:
só ratas e leiróns onte...
e seica hoxe bisontes?

-Pois, sorpresa papaíño!,
porque hai biodiversidade:
son milleiros os bechiños,
con case seis ducias de aves,
peixes, lontras...; ou non sabes?

-Ben, ben! Se es tan sabichón,
ilustrarasme na flora;
flora estéril de ficción,
asilveirada, breñosa,
que non ten nin floración.

-Éche doada a solución:
coa ribeira recuperada
con fentos, liques e brións,
tamén está arborada
de amieiros, freixos e choróns.

-Por moito que me retruques,
e do Gafos fales ben,
este éche río sen buques,
sen historia dende o alén,
e sen nomes neste aquén.

-Se frei Martín escoitase,
máis dun lapote levarías:
Gafos mítico e con clase,
rumbo recto que te guía,
muíños e pontes na base
incluída a polinomía:
Cocho Regheiro das Veighas,
do Menexo e da Gholeta;
Estación de Toxal e Tomeza
na Xestiña todo empeza!

-Se Sarmiento intervén,
a regueifa aquí conclúe,
pois foi erudito de ben
que fluíu no Gafos que flúe.

Roberto Rodríguez Gordo e Alexandre Rodríguez

© 2019 Vaipolorio | Deseño yagocamarero.com