Gafos, río de cor e de luz

     Camiño no abrente da mañá, polas remozadas beiras do río dos Gafos, nun verán sen calor que quere ser primavera, que cando menos líbranos da vaga de lume do pasado ano que asolou e desertizou os nosos montes.

A limpeza e desbroce das ourelas do río foi como se de súpeto a cidade abrise unha fiestra e descubrise que ó seu carón había un río fermosísimo que sempre estivo alí pero dándolle as costas, un pulmón de osíxeno e escola da vida e natureza en plena cidade. Velaí vai o remozado e esquecido río con amplas beiras para o paseo e o lecer con novas pontes de madeira e alumeado, onde é posibel voltar a redescubrir sensacións esquecidas no fardel da memoria, o recendo a mentrasto e fiúncho, a herbaluisa, coller amorodos nas silveiras, escoitar o rechouchío dos paxariños, o xílgaro, o pardal, ollar nun loureiro o niño da carriza o a merla, o voo da garza, o desfile dos parrulos, as troitas debaixo dunha laxe nun relanzo do río, o reflectir das raiolas do sol non prateados toros dos bidueiros, o marmurio dos canavais co vento, o carrexar das abellas co néctar das flores ventureiras, a efémera beleza das bolboretas…

Son novos, e agardamos mellores tempos para o Gafos, río de cor e luz feito das bágoas dos leprosos, Gafos, de aí o seu nome que nas súas augas lavaban seus estigmas para poder entrar na vila señorial, paso e roteiro de pelegríns camiño de Compostela, fonte de riqueza noutrora para labregos e muiñeiros de Figueirido, Bértola, Tomeza e Pontevedra; agora soio nos queda que se destape o treito agochado ao pasar por Campolongo, e recuperar algún dos vellos muíños como museo etnográfico para darlles a coñecer a futuras xeracións a importancia que noutra época tiñas os muíños como fonte de riqueza e lugar de encontro, de relacións e sabedoría popular.

O futuro museo dos ríos ben podería chamarse, en homenaxe ó poeta que tan ben escribiu dos ríos e da natureza, Manuel María, o nome do seu primeiro libro “Muiñeiro de brétemas”. E agradecer o traballo da asociación Vaipolorío por axudarnos a redescubrir e pór en valor o Gafos.

Antón Roel

© Vaipolorio | Deseño yagocamarero.com