Eu son do río

     Mentres avante o río,
non serei pedra dormente
nin tallamar abatido.
Troita a contracorrente,
mentres avante o río.

Mentres o río asolague,
hei domear a silveira
que a miña ponte asoballe.
Raíña de sol na ribeira,
mentres o río asolague.

Porque eu son do río,
levada encanada
para o vello muíño.
Branca fariña de millo;
eu son do río. (bis)

Mentres avante o río,
non reinará primavera
sen ledo rechouchío.
Merlo bulindo na arnela,
mentres avante o río.

Mentres o río asolague,
hei axotar a nugalla
que o meu labor atrapalle.
Lúa na tona da auga,
mentres o río asolague.

Porque eu son do río,
airexa trenzada
na folla do brido.
Sombra ao pé do camiño;
eu son do río. (bis)

Vaipolorío,
os pés mollados
non teñen avío;
limpa alborada do Gafos,
Vaipolorío.

Calros Solla

© 2019 Vaipolorio | Deseño yagocamarero.com