Nace o río no colo da Xestiña

Nace o río no colo da Xestiña,
a carón dos loureiros amencidos
e as pontes vellas
para espertar as marxes
da cidade durmida.

Percorre a nosa infancia
arredor dun asubío fluvial
cunha morea de soños.

No horizonte da nosa terra
as augas déitanse a miúdo
como berce e testemuña.

Dende o axóuxere limpo
as nubes míranse ó espello,
seguen ós parrulos e as fadas
que habitan na harmonía vexetal
onde medra sixilosamente o tempo.

M. Carmen Álvaro

© 2019 Vaipolorio | Deseño yagocamarero.com