Os derradeiros metóucos

     O furacán do progreso trae forza doce. Hai que ter coidado porque arrasa con todo. Mesmo as palabras, que semellan non ter forma, peso, nin volume, sucumben impotentes. Para cando amaine haberá que ver si quedou algo en pé, ou perdéuse para sempre.

Na Galicia rural había unha estampa pintoresca que adornaba as leiras dende o outono ata a primavera. Os metóucos. Metóucas según F. Martín Sarmiento, ou metocas como seguen a decir na parroquia de Bértola, en Vilaboa, ou Marín (Elixio Rivas).

Do latín: Meta: montón, en galego meda, específico para este caso. Así aparecen as formas -T- e -D-, que dan orixe a que en Verín ou Samos, por exemplo, aparezan como medoucos, incluso o verbo amedoucar: Facer medoucos.(Cf. Crespo Pozo).

Feixes de canas de millo apiñocados de xeito cónico e atados para que aguantaran as inverneiras. A chuva corría por eles sin chegar a mollalo interior e así duraban ata o verán. A palla do millo, ou canas dábaselle as vacas como alimento complementario. De cando en vez vólvense a ver pola ventaniña do coche na paisaxe campesiña; poucos, cada vez menos, e antes de que nos decatemos, deixaranse de ver.

De nenos, cando o cine do Oeste nos facía velos indios malos e os baqueiros bos, estos metoucos recordábannos as cabanas indias en sinxela armonía coa paisaxe. Sempre nos gustaba que houbera metóucos.

A cana do millo recollido, acubillaba un “ocupa” de avelaiña das familia dos noctuidos, a Sesamia nonagiroides (Lefebvre, 1827). Os pescadores, a lo menos algúns do río Gafos, sabían dela e antes de que se formase a crisálida, abrían as canas coa navalla para facerse coas vermes. As troitas picaban como parvas.

Hoxe en día a restreva do miño desfaise co tractor de cadeas e queda para abono. Non hai que apañala, tampouco case hai vacas, nin carros de vacas.

So se ven carros nos museos etnográficos donde descansan palabras que arrinconou o progreso, como: cabezalla, chavella, fueiro, ladrairo, cheda, chedeiro, afueiro, botoalla…., mesmo os metóucos.

Teñamos a confianza de que os estudosos sigan a recompilar a nosa riqueza oral, e sexamos quén de resistirnos a ser invadidos por modas vaidosas na língua, que nada saben do exquisito e preciso trato etimolóxico con que foron creadas cada una das palabras galegas.

Gonzalo Sancho Blanco

© Vaipolorio | Deseño yagocamarero.com