Unha árbore chea de libros

     Eiqui onde comeza o agochamento, do rio dos GAFOS nun cadaleito de formigón para a nosa vergoña, nun prado que arrecende a herba, nunha data moi especial. O día do libro un fato de homes e mulleres queren honrar a memoria dunha muller boa e xenerosa, unha defensora dos libros que facía das cartas ao director poemas, Mercedes Vazquez, lembrámola como a ela lle houbese gustado que o fixéramos, plantando unha árbore, unha cerdeira que simbolice o amor pola natureza que ela tiña, que agrome na primaveira e que dea acougo fogar a aos páxaros, que fagan un niño nas súas ponlas e que sirva de alimento ás abellas e sombriza no verán, e que ao seu redor bailen as bolboretas e as pegas rabilongas.

Velaí nun recuncho ao carón do rio dos GAFOS que baixa crecido pola choiva de abril a unha semana da festa dos Maios, cando os rillotes apañan o fiuncho e as flores nas reverdecidas ourelas para confecionar os maios, nunha festa de poesía e natureza que a MERCEDES tanto lle gostaba, prantamos unha árbore chea de libros, de palabras, de poesía, de ilusión, de debuxos que a ela tanto lle gostaba facer, pero tamen de tristura cando o pasar ao seu carón nos lembremos da súa ausencia, da súa palabra, do seu sorriso, o seu animo de vivir que nos contaxiaba a todos.

Desexámoste que MOZART siga tocando para ti unha sonata cada mencer de frio. Que vexas libros onde os demais ven só follas. Que a túa risa silencie o marmurio do río. Que non enpórquen o teu paraiso estes donde estes. Que non morran as utopias . Que destapen o río ao seu paso pola cidade. Que volten os estorniños e as andoriñas. Que cando o tempo nos deixe sen memoria non te esquezamos. Que os ventos e as luas che sexan propicias. Que os teus ollos escentilen cas estrelas. Que as raiolas de sol te acarillen cada novembro. Que haxa mais gomas de borrar tristuras. Maís libros con final feliz. Versos contra a melancolía e maís paiasos. Que non esquezamos que nós estamos de paso pero a natureza permañece e non somos quen de estragala. Que un río e unha creación da natureza que xa estaba hai moito antes que nós e non temos dereito a tapalo, que temos a obriga de deixalo como o atopamos nós, unha aula de natureza para futuras xeracións.

Antón Roel

© 2019 Vaipolorio | Deseño yagocamarero.com