Vaipolorío

     Na década dos setenta, cando se comezaban a ver os primeiros furgóns pintados con margaridas, a miña tía Carme tiraba as bolsas do lixo no leito do río.

A mediados dos oitenta, cruzar pola Ponte Nova sen deixar de respirar era unha misión ben difícil. Daquela, xa non se miraban as bolsas do lixo flotando por aquí e por acolá, pero os colectores invisibles facían os seus estragos. Nos noventa, son os propios veciños, os que se levantan contra o deterioro do seu río a golpe de botas, guantes e denuncias nos xulgados. As forzas culturais, políticas e naturistas desta cidade, levan o rumbo correcto cara a unha mellora do medio que han de herdar as xeracións vindeiras.

VAIPOLORÍO

Alá vai o mundo
con barba de días,
vai apoiado nese bastón
feito de lixo,
de sombras amarelas
e de espanto.
Xa non quere saber,
queimou os ollos
e como Saturno
comería os fillos.
Pero desta vez,
desta vez
volveron as lontras
prenderon os estripeiros
e quince homes
e quince meses
deron de limpar un río.
Oes,
limparon un río,
xa non está todo estragado
xa hai esperanza
se queres:

VAIPOLORÍO.

Fernando Sancho Blanco

© 2019 Vaipolorio | Deseño yagocamarero.com