A Poza (ou pozo) da Moura


Microtopónimo ribeirán da freguesía de Salcedo (Pontevedra). Poza + Moura. Poza, derivado de pozo, do latín puteu(m), co mesmo significado. Moura, do latín mauru(m) “habitante da Mauritania”. Hidrotopónimo + antropotopónimo mítico.

Unha poza é o “lugar de maior profundidade nun río; pozo”

Mouros e mouras son os “antepasados remotos que, segundo a crenza popular, foron os construtores das antas, castros, castelos e outros monumentos antigos”.

Outras opinións fan derivar as formas mouro e moura da devandita raíz prerromana *MOR-R “pedra”. Segundo esta versión os mouros poderían ser definidos como os míticos habitantes dos rochedos ou das arquitecturas prehistóricas.

O pego do río dos Gafos coñecido por Poza da Moura, ao pé das Brañas de Salcedo, onda o Mar da Presa, encalco do muíño de Cabanas, está vencellado á lenda dunha moura, encanto de loiros cabelos, xenuíno ser mítico do patrimonio inmaterial da galeguidade:

Contan os nosos maiores que hai moito, moito tempo, un labrego da contorna, alindaba o seu gando nas Brañas, á beira do río dos Gafos. Coma ensoñación, do goio xurdiu unha fermosa muller en cuxos cabelos aniñaba o refolguexo do sol. A engaioladora dama adiantoulle que unha das súas vacas ficara preñada había pouco e que ía parir dúas fermosas crías, un xato e mais unha xovenca. En troco polo bo agoiro, a moura pediulle ao gandeiro que lle chimpase a becerra na poza cando a vaca librase.

Pasaron os meses, pariu con ben o animal e, consonte o vaticinado pola xacia, trouxo una repoluda parella de vitelos. Lembrou, daquela, o noso home, o trabuco avindo. Botou contas e reparou que, na feira, pagaríanlle mellor a becerra, polo que no canto de botar na poza a femia, botou o macho. Nun pestanexo, as augas calmas argallaron un remuíño e do ollo da ola aboiou unha grade de pau. Sentada nunha pena do río, fíxose visíbel a moura, recriminoulle ao labrego o seu aquel migalleiro e, antes de se sumir no piago, díxolle que de cumprir co trato, teríao agasallado cunha grade de ouro.

Bole na aldea unha outra versión, que segundo o escoitado, é a que se lles adoita contar aos cativos:

Os vellos advirten aos nenos do perigo agochado na Poza da Moura, posto que, hai anos, un home que pasaba polo lugar guiando unha xugada, por causas aínda non ben esclarecidas, caeu ao río e xamais nunca se volveu saber del. Sospéitase que andaba en tatos coa moura da poza e quizais por non gardar fidelidade á palabra dada, o encanto cativou o campesiño, a parella e mais o carro, ad vitam aeternam, na insondábel fondura.

[Informantes: Adelina Laxe Souto (70 anos) e Xosefa Acuña González (65 anos), veciñas de Tomeza]

© 2019 Vaipolorio | Deseño yagocamarero.com