Biótopos presentes

Entendemos por biótopo “o medio físico ocupado por unha comunidade ou poboación determinada de seres vivos”.

Partindo desa acepción, unha simple análise durante os percorridos feitos a carón do río deu como resultado a determinación dunha serie concreta de biótopos presentes en toda a súa lonxitude.

Porén, para favorecer a súa caracterización, faise a clasificación atendendo á relación existente entre eses lugares e a presenza humana como factor decisivo á hora de falarmos de zona natural ou non.

Así, segundo o tipo e porcentaxe de superficie cuberta, podemos falar dos seguintes biótopos:

Áreas urbanas ou semiurbanas

Representan o 20 % aproximadamente da superficie total que rodea o río e que se encadran no seu treito final, é dicir, no sur percorrido a través do solo urbano de Pontevedra.

O río aparece moi alterado nas súas marxes e na calidade das súas augas xa que recibe numerosas canles de desaugue e sumidoiros que o enturbian, alén da xa comentada canalización.

O bosque de ribeira desaparece por completo, o que deixa as beiras do río moi desprotexidas ante os axentes contaminantes, a erosión por crecidas invernais, etc.

Áreas mixtas

Representan un 40 % aproximadamente do territorio polo que discorre o río desde o seu nacemento ata os límites da vila de Pontevedra.

Caracterízanse por un grao medio-baixo de alteración por parte do ser humano e son zonas onde a actividade principal está vinculada á explotación agroforestal da terra.

O río presenta, en liñas xerais, un bo estado de conservación agás certos puntos negros nos que aínda é posible descubrir vertidos contaminantes ou destrucción masiva de vexetación de ribeira.

Nestas zonas é tamén moi frecuente a substitución, ás veces irracional, das árbores autóctonas por outras de crecemento rápido, sobre todo eucaliptos, que mudan por completo a paisaxe natural do río e provocan unha diminución da súa riqueza biolóxica.

Áreas naturáis

Ocupan, igual cás anteriores, un 40 % da superficie total percorrida polo río.

Son, sen dúbida, as áreas máis fermosas e testemuñas de cómo foi ata hai pouco a paisaxe habitual neste tramo río abaixo.

A vexetación de ribeira chega a ser en certos lugares dunha densidade sorprendente, sobre todo no referente ao estrato herbáceo e ao sotobosque: fentos, liques, brións, silvas, xilbarbeiras e mesmo lúpulo. Comparten hábitats con outras moitas especies de plantas e arbustos nos que hai que salientar estripos, abruñeiros e loureiros.

No tocante ao bosque de ribeira cómpre destacar a variedade de especies atopadas así como a densidade presente dalgunhas delas. Con todo, facemos unha clasificación deses bosques en tres categorías:

Brañas

É un dos tipos máis abondosos e característicos do noso país, definidos por un elevado grao de humidade e asulagamento da capa superficial do solo. As árbores típicas deste hábitat tan particular son, sobre todo, os salgueiros e amieiros que están perfectamente deseñados para viviren nestas condicións.

Fragas

Trátase do bosque tradicional galego, mestura de diversas especies de árbores. Aquí aparece en zonas máis ou menos dispersas pero en condicións de conservación case óptimas. A especie máis frecuente é o carballo con algúns exemplares de tamaño e altura extraordinarios xunto conn freixos, bidueiros, chopos, amieiros e unha morea de plantas e arbustos no chamado sotobosque.

Soutos

Son bosques monoespecíficos de castiñeiro. A súa orixe hai que buscala na acción humana pois xorden como consecuencia do cultivo desta árbore para a obtención de madeira e/ou castañas.

© Vaipolorio | Deseño yagocamarero.com