_Toponimia

- A Ansuíña, microtopónimo ribeirán da freguesía de Bértola (Vilaboa). Evolución de A Insuíña, diminutivo de insua, do latín insula(m) “illa”. Hidrotopónimo.

Unha insua é “pequena illa no curso dun río”, tamén “terreo pantanoso”, ou “terreo de cultivo de regadío”.

Ponte da Ansuíña, pasadoiro do río dos Gafos.

--------------------------------------------------------------------------------

- Os Cochos, Fincas dos Cochos
; microtopónimos ribeirán da freguesía de Figueirido (Vilaboa).

- Interpretación A:

Do latín coactare “obrigar” (?).

Cocho: Cova, tobo, lugar moi abrigado onde se pode refuxiar un animal; cocha.

O verbo acocharse significa “ocultarse para non ser visto; agocharse, agacharse”

- Interpretación B:

Do latín coactare “obrigar” (?).

Cocho: Cortello dos porcos; cocha.

- Interpretación C:

Voz onomatopeica coch-coch-. Zootopónimo.

Cocho: Mamífero paquidermo da familia dos suídos (Sus suis), doméstico, omnívoro, de cabeza rematada nun fociño case cilíndrico, orellas caídas e patas curtas; marrán, porco, quino, rancho. Tamén, lugar con pouco aseo.

Río do Cocho é unha das denominacións do río dos Gafos.

--------------------------------------------------------------------------------

- As Corvaceiras, microtopónimo ribeirán da freguesía de Santa María (Pontevedra). Corvaceira, abundancial de corvo, do latín corvu(m), co mesmo significado. Corvaceira é sinónimo de corveira. Zootopónimo.

A corveira é o “lugar onde abundan os corvos ou onde teñen por costume facer o niño”.

corvo é un “paxaro da familia dos córvidos (Corvus corax, Corvus corone corono…), de cor negra, de peteiro cónico, longo e forte, poutas con uñas robustas e cola en forma de gancho”. Outro corvo, común na ribeira, é o mariño ou mareiro (Phalacrocorax aristotelis).

Nas Corvaceiras, o río dos Gafos desemboca na ría de Pontevedra.

--------------------------------------------------------------------------------

- A fonte do Salgueiriño
, microtopónimo ribeirán da freguesía de Figueirido (Vilaboa). Fonte + Salgheiriño.Fonte, do latín fonte(m), co mesmo significado. Salgheiriño, diminutivo de salgueiro, do latín salicariu(m), co mesmo significado. Hidrotopónimo + fitotopónimo.

Salgueiro é a “denominación de varias especies de árbores da familia das salicáceas (Salix sp) de pólas erectas e caducas, follas lanceoladas e sedosas que medra nas marxes dos ríos”.

Salgueiriño é así mesmo unha “planta herbácea perenne da familia das litráceas (Lythum salicaria) de follas lanceoladas que medra en lugares con auga ou moi húmidos”.

 A Fonte do Salgheiriño, manancial do Mato da Xestiña, localizado no lugar da Boullosa, é o olleiro do río dos Gafos.

O señor Roxelio Torres Senra, médico de pobres, gabou en vida as calidades da auga da fonte do Salgheiriño, ben para o consumo cotiá, ben para a confección de menciñas. O señor Roxelio, falecido o 8 de abril de 1950, home bo e sabio, ocupou a súa estadía no mundo na procura da saúde e o benestar dos seus veciños e pacientes. Din no lugar que “medio Salcedo naceu na súa man” e que moitos outros zafaron das gadoupas fascistas mercé á súa mediación. Os veciños honraron o seu abnegado labor con busto de pedra e praza.

--------------------------------------------------------------------------------

- Ghorghullón
, microtopónimo ribeirán da freguesía da Virxe do Camiño (Pontevedra). Ghorghullón é variante de gurgullón. Hidrotopónimo. Un gurgullón é un “manancial de auga que nace da terra facendo gurgullas; gurgullo”.

Fonte do Ghorghullón ou dos Pasais, manancial e construción feita para darlle saída á auga.

Río do Ghorghullón é una das denominacións do río dos Gafos.

Pasais do Ghorghullón, pasadoiro sobre o río dos Gafos.

--------------------------------------------------------------------------------

-O mato da Xestiña, microtopónimo ribeirán da freguesía de Figueirido (Vilaboa). Mato + XestiñaMato, derivado de mata, do latín tardío matta(m) “esteira”. Xestiña, diminutivo de xesta, do latín genista(m), co mesto significado. Fitotopónimo.

Un mato é o “conxunto de plantas baixas que nacen moi mestas; matagueira, matogueira”, “terreo ermo no que existen moitas plantas baixas e bravas; matagueira, matogueira”, “toxeira, lugar onde abundan os toxos”, “bosque, fraga, extensión plantada de árbores”, “monte baldío que non ten dono e é propiedade veciñal” ou “monte de menos tamaño ca a devesa e que non está cercado”.

Xesta é un “xénero de plantas arbustivas da familia das leguminosas (Genista sp), de talo leñoso de cor verde, con moitas pólas delgadas e flexíbeis, follas pequenas e escasas, flores amarelas ou brancas”. A xesta limesa ou rubiaa xesta mansaa xesta negra ou negral e a xesta pudia son diversas especies deste vexetal.

No Mato da Xestiña localízase a fonte do Salgueiriño, nacedoiro do río dos Gafos.

--------------------------------------------------------------------------------

- A moureira, microtopónimo ribeirán da freguesía de Santa María (Pontevedra). Este topónimo da ría pontevedresa é, con probabilidade, unha forma derivada da base prerromana *MOR-R, adoito vencellada coas formacións rochosas e os pedregais. Sexa daquela o topónimo vestixio do noso primixenio litoral. O rueiro da Moureira está construído encol das laxas. Orotopónimo?

Filgueira Valverde creu acaído derivar o topónimo do latín muria “salmoira”,auga saturada de sal empregada na conservación de alimentos, especialmente o peixe.

Antigamente, a populosa Moureira pontevedresa abranguía dende a ponte do Burgo ata a desembocadura do río dos Gafos, nas Corvaceiras, e nela distinguíanse tres rueiros: A Moureira de Arriba (localizada preto da ponte do Burgo), A Moureira da Barca (fronte a Poio) e A Moureira de Abaixo (ou Moureira dos Pescadores), tamén coñecida por San Roque.

O arrabalde portuario da Moureira, sito extramuros, viviu a súa época de esplendor nos séculos XV e XVI. O gremio de mareantes, atafegado nas actividades pesqueiras, salgadura e estaleiros, deixou selleira mostra da súa puxanza coa erección no século XVI do belísimo templo de Santa María.

--------------------------------------------------------------------------------

-A Ponte do Couto, na toponímia maior, lugar da freguesía de Salcedo (Pontevedra). Na microtoponímia ribeirá, microtopónimo ribeirán das freguesías de San Xosé e A Virxe do Camiño (Pontevedra). Ponte + CoutoPonte, do latín ponte(m), co mesmo significado. Couto, quizais do latín cautu(m) “lugar cercado”.

Unha ponte é unha “construción que serve para pasar dun lado a outro dunha corrente de auga, dunha depresión do terreo ou dunha vía de comunicación”.

Un couto é un “conxunto de varios lugares, aldeas, parroquias que formaban un feudo ou territorio señorial e que estaban privilexiados na exención dalgunhas cargas por pertenceren directamente ao señor “, tamén, “terreo de monte valado; coutada” e, así mesmo, “terreo extenso dedicado a monte”.

Ponte do Couto, ponte de perpiaño de bela feitura (séc. XVI), quizais de orixe medieval, sobre o río dos Gafos: dous vans, bóvedas de medio punto e tallamar central. Probablemente, no antigo, foi vao da vía romana XIX e mais do camiño xacobeo portugués.

--------------------------------------------------------------------------------

- A Poza (ou pozo) da Moura, microtopónimo ribeirán da freguesía de Salcedo (Pontevedra). Poza + Moura. Poza, derivado de pozo, do latín puteu(m), co mesmo significado. Moura, do latín mauru(m) “habitante da Mauritania”. Hidrotopónimo + antropotopónimo mítico.

Unha poza é o “lugar de maior profundidade nun río; pozo”

Mouros e mouras son os “antepasados remotos que, segundo a crenza popular, foron os construtores das antas, castros, castelos e outros monumentos antigos”.

Outras opinións fan derivar as formas mouro e moura da devandita raíz prerromana *MOR-R “pedra”. Segundo esta versión os mouros poderían ser definidos como os míticos habitantes dos rochedos ou das arquitecturas prehistóricas.

O pego do río dos Gafos coñecido por poza da Moura, ao pé das Brañas de Salcedo, onda o Mar da Presa, encalco do muíño de Cabanas, está vencellado á lenda dunha moura, encanto de loiros cabelos, xenuíno ser mítico do patrimonio inmaterial da galeguidade:

Contan os nosos maiores que hai moito, moito tempo, un labrego da contorna, alindaba o seu gando nas Brañas, á beira do río dos Gafos. Coma ensoñación, do goio xurdiu unha fermosa muller en cuxos cabelos aniñaba o refolguexo do sol. A engaioladora dama adiantoulle que unha das súas vacas ficara preñada había pouco e que ía parir dúas fermosas crías, un xato e mais unha xovenca. En troco polo bo agoiro, a moura pediulle ao gandeiro que lle chimpase a becerra na poza cando a vaca librase.

Pasaron os meses, pariu con ben o animal e, consonte o vaticinado pola xacia, trouxo una repoluda parella de vitelos. Lembrou, daquela, o noso home, o trabuco avindo. Botou contas e reparou que, na feira, pagaríanlle mellor a becerra, polo que no canto de botar na poza a femia, botou o macho. Nun pestanexo, as augas calmas argallaron un remuíño e do ollo da ola aboiou unha grade de pau. Sentada nunha pena do río, fíxose visíbel a moura, recriminoulle ao labrego o seu aquel migalleiro e, antes de se sumir no piago, díxolle que de cumprir co trato, teríao agasallado cunha grade de ouro.

Bole na aldea unha outra versión, que segundo o escoitado, é a que se lles adoita contar aos cativos:

Os vellos advirten aos nenos do perigo agochado na Poza da Moura, posto que, hai anos, un home que pasaba polo lugar guiando unha xugada, por causas aínda non ben esclarecidas, caeu ao río e xamais nunca se volveu saber del. Sospéitase que andaba en tatos coa moura da poza e quizais por non gardar fidelidade á palabra dada, o encanto cativou o campesiño, a parella e mais o carro, ad vitam aeternam, na insondábel fondura.

[Informantes: Adelina Laxe Souto (70 anos) e Xosefa Acuña González (65 anos), veciñas de Tomeza]

--------------------------------------------------------------------------------

- (O) Rebón, microtopónimo ribeirán da freguesía de Tomeza (Pontevedra). Rebón é hidrotopónimo derivado de Río Bon, do latín rivus bonus. O substantivo rivus tiña no latín o significado de “regueiro”. O adxectivo latino bonus-a-um significa “bo, excelente, fermoso”.

Ponte (de/do) Rebón, pasadeiro sobre o río dos Gafos.

--------------------------------------------------------------------------------

- Tomeza, parroquia do concello de Pontevedra. Frei Martiño Sarmento, no seu “Viaxe a Galiza de 1745”, escribe sobre o particular:

Á tarde fun tamén rexistrar pola igrexa de Tomeza un sepulcro do tempo dos suevos que se descubriu o ano de 1741 e que ten inscrición (…) Ollei case o nacemento do río de Pontevedra, que vai á Ponte Nova (hoxe caída) pois nace perto de Pedra Fita, e rega todo Marcón, e parte de Tomeza, Mourente, e Salcedo; e así chámase río de Marcón. A este engádeselle outro que chaman de Santa Marta ou Santa Comba (río dos Gafos), por vir de alí. E en instrumentos antigos chámase río Tomeza e de Thomicia e xa van xuntos na Ponte do Couto alta, e os dous fertilizan moito. Este mesmo día saín de Tomeza e vin durmir a Pontevedra hoxe, 22 de setembro (ano 1745), mércores.

E engade: Tomeza nos tempos antigos era sitio famoso e memorábel, ou como lugar populoso, ou como sitio no que se enterraban os romanos, antes os gregos, despois os suevos. A isto poderá aludir a voz “Tumeza” pois acaso será de tumba (thymbos en grego, que significa sepulcro) e como de “sepulchrum” formouse “Sepulchretum”, “sepulchreta”, formaríase “Tumbetum”, “Tumbeta”, “Tumeta”, “Tometa”, “Tomeza”, sitio de sepulcros.

E conclúe: Discorría se viría de “tumor”, “tumescencencia”, “tumentia”, etc, por estar nunha lomba do monte de San Cibrán, ou se de “tomex, tomicis” que é a tomiza. Pero paréceme máis verosímil vir de tumba.

Río (de) Tomeza, é unha das denominacións do río dos Gafos.

San Cibrán ou San Sibrán (Cibrán, do latín Cyprianus, do adxectivo cyprius “de Chipre” ou relativo a Cirpis ou Ciprina, sobrenome da deusa Venus) é haxiotopónimo da freguesía de Tomeza. No coto do monte de San Cibrán, érguese unha ermida na honra do santo.

No “Dicionario dos nomes galegos” (páx. 200) lemos: Coma santa Comba, Cibrán foi meigo antes de se cristianar e por iso en toda Europa corren fórmulas máxicas recollidas en libros que se atribúen a san Cibrán (…) O verdadeiro libro de san Ciprián de Galicia, popularmente coñecido como O Ciprianillo0, auténtico vademecum de todos os feiticeiros, meigas e antaruxas, libro de maxia evidentemente apócrifo (…) Tomeza, a par de Pontevedra, é terra con tradición de meigos, nigromantes e pastequeiros; alí están as ermidas de San Cibrán de Tomeza e de Santa Comba de Bértola que se celebran conxuntamente porque ambos están considerados bos esconxuradores do meigallo e sanadores de todo tipo de males estraños: alí teñen a san Cibrán polo mellor médico do mundo e o rito manda dar nove voltas ao redor do seu templo botando de cadea vez unha pedriña no tellado. No xantar á sombra dos piñeiros é obrigatoria a bica co ovo cocido no medio (vello símbolo primaveral da fecundidade, inmortalidade e esperanza no alén) e a rosca circular (símbolo do infinito e da eternidade). Pasado o san Cibrán, as mulleres de Pontevedra xa tiran as medias. Os santuarios de san Cibrán, feitos moitas veces no curuto dos montes, deron nome aos propios montes.

De Tomeza eran orixinarios o Manso, pastequeiro de sona e o Faracho, nomeado compostor de ósos crebados.

--------------------------------------------------------------------------------

- O Toxal, Matos do Toxal, microtopónimos ribeiráns da freguesía de Bértola (Vilaboa). Toxal, forma derivada e abundancial de toxo. Toxo provén da voz prerromana *toju, co mesmo significado. Fitotopónimo. Un toxal é o “lugar onde medran os toxos; toxeira” ou “monte que está a toxos; toxeira”.

toxo é unha “planta arbustiva da familia das papilonáceas de 1 a 2 metros de altura, con follas reducidas a puntas espiñentas e flores amarelas e axilares”.

O toxo arnal, cachar ou macho (Ulex europaeus) e o toxo femia, gateño, molar ou mouro (Ulex minor) son as especies máis comúns.

Río do Toxal é unha das denominacións do río dos Gafos.

Muíño do Toxal, na beira esquerda do río dos Gafos: muíño de cubo, unha moa, muros de cachotería e cuberta a unha auga. Pontella do muíño do Toxal, pasadoiro sobre o río dos Gafos.

--------------------------------------------------------------------------------

- Río dos Ghafos. Aínda que, na actualidade, a denominación río dos Ghafos –xunto con río de Tomeza- nomea a corrente fluvial na súa totalidade, no antigo, foi chamadeiro do seu treito final. Na Moureira de Abaixo, preto da desembocadura do río (rúa dos Peiraos), existiu dende a Idade Media un hospital de gafos, enfermos de lepra. A posterior edificación (séc. XVI), sede do benemérito sanatorio, aínda se conserva en pé na ribeira dereita do río, sendo doadamente identificábel por mor da media ducia de rexos piares que erguen a súa solaina.

Gafo, con probabilidade, do árabe gafa “contraída, cos dedos dobrados”. O Dicionario Xeral da Lingua (páx. 609) recolle para gafo os seguintes significados: “que produce ou transmite infección” ou “que está afectado de lepra; laceirento, leproso”. Para gafeira, engade: “Doenza crónica infecciosa, producida pola microbacteria Mycobacterium leprae, que afecta os tecidos superficiais; laceira, lepra”.

Volver