_Que é Vaipolorío?

Vaipolorío nace da necesidade de recuperar o río dos Gafos, ante a deterioración medioambiental que estaba a sufrir e a falta de preocupación das distintas institucións que se supón que teñen que velar pola súa saúde.


Vendo que a resposta institucional non chegaba, un grupo de veciños e veciñas dos concellos de Vilaboa e Pontevedra decidimos poñernos "mans á obra" e levar adiante a tarefa de recupera-lo dito río.


Nun principio as asociacións Asociación Cultural Chan do Vilar de Figueirido, Asociación de Veciños San Andrés de Figueirido, Asociación Cultural O Toxal de Bértola, Asociación Cultural San Cibrán de Tomeza, Asociación de Veciños Heroes do Campo da Porta de Salcedo e Asociación de Veciños Río Gafos levaron a cabo as primeiras actuacións no río, se ben despois por cuestións de operatividade e funcionamento creouse Vaipolorío.


Vaipolorío é un colectivo legalmente constituído en novembro do 2001 e o seu ámbito territorial de actuación son os concellos de Vilaboa e Pontevedra. Ten o seu domicilio social en Preescolar de Cabanas, Salcedo, Pontevedra.


A existencia deste colectivo ten como fins:
A promoción, o coidado, a defensa, a limpeza e o mantemento do río dos Gafos, así como todas aquelas actividades e accións que vaian en beneficio do dito río e do seu contorno, en todo o seu percorrido, dende o seu nacemento en Figueirido (Vilaboa) ata a súa desembocadura na ría de Pontevedra.


Para o cumprimento destes fins, realizámolas seguintes actividades:

- Limpeza periódica do río e das súas marxes.
- Roteiros.
- Obradoiros medioambientais.
- Catalogación de flora e fauna.
- Recuperación da toponimia.
- E outras actividades complementarias.
- Vaipolorío constituíuse con 35 socios fundadores e non existe cota ningunha. Consideramos que cada persoa que participa nas actividades pasa a formar parte deste colectivo.


Temos a honra de ser “Premio Cidade de Pontevedra 2001”, outorgado polo Concello de Pontevedra, no apartado de institucións, pola defensa do medio ambiente natural; “Premio Amigos de Pontevedra 2004”, outorgado pola Asociación Amigos de Pontevedra, no apartado de institucións polo traballo de recuperación do río dos Gafos; “Premio Bardos 2008” no apartado de Medio Ambiente, outorgado por Onda Cero Radio; "Premio do alumnado e comunidade escolar do CEIP A Lama 2014" polo traballo de recuperación, limpeza, posta en valor e difusión da riqueza do río Gafos e "Recoñecemento e Homenaxe no 2016 da Fundación Cuña-Casasbellas"
polo traballo de preservación do Río Gafos.


A Xunta Directiva de Vaipolorío está formada por:

Presidente | Gonzalo Sancho Blanco
Vicepresidente 1º | José Ramón López Laxe
Vicepresidenta 2ª | Mª Concepción Pereiro Ramos
Secretario | Xosé Manuel Feijoó Bernárdez
Vicesecretario | Manuel Gil Ríos
Tesoureira | Marisé San Martín Pazos
Vocal | Amancio Castro González
Vocal | Fermín Brenlla Ferreiro
Vocal | Antonio Vázquez Blasco
Vocal | María Dolores Fernández González
Vocal | Pablo Carro Sobral