_Historia

O río aparece representado, cos seus afluentes, na "Carta xeométrica de Galicia" de Domingo Fontán, publicada en 1845, sen ningún tipo de nomenclatura; e no mapa da provincia de Pontevedra, de Francisco Coello, de 1856, coa denominación de "Tomeca", mentres que no plano da cidade e no do seu contorno , complementarios deste, como "arroio Goleta".

O padre Sarmiento, na súa "Viaxe a Galicia" de 1745, estudado por Pensado, refírese a el da seguinte maneira: "VI casi el nacimiento del río de Pontevedra que va a la Ponte Nova (hoxe caída) púes nace cerca de Pedra Fita, y riega todo Marcón, y parte de Tomeza, Mourente y Salcedo; y así se llama río Marcón. A este se le agrega otro que llaman de Santa Marta o de Santa Comba, por venir de hacia allí. Y en instrumentos antiguos se llama río Tomeza y de Thomicia..."

Se polo "río que viene de la feligresía de Marcón" -como figura no "interrogatorio" do "catastro" do Marqués de la Ensenada, realizado no 1751, estudado no concernente á nosa capital por Josefina Fernández Mosquera- entendemos que é o Tomeza ou dos Gafos, podemos afirmar que no seu leito había instalados cinco muíños fariñeiros, un propiedade do mosteiro de Poio e outro de Vicente Conde, ambos sen situar, e os tres restantes en "As Figueiras", nos "Pelambres" (que puidera ser o actual "Pelamios") e no "Puente Nuevo", tal vez o que o P. Sarmiento cita no referido "Viaje a Galicia" como xa destruído, situado na enseada o sur do "Campo das Rodas", observando como único vestixio un estribo cunha inscrición que copia e intenta transcribir.

Tamén é coñecido polo río de "La Tablada" e de "La Estación", sen dúbida en atención ós lugares polos que pasa e de denominación moderna.

Máis antiga é a de "Río de los Gafos", termo este, que en galego pode significar sarnoso, leproso, infeccioso en xeral. Consta a existencia en Pontevedra dun hospital de leprosos, unha pequena "vila-hospital" á que Filgueira Valverde lle dedicou un dos seus "Adrais", anexo ó desaparecido santuario da Virxe do Camiño, cuns xardíns que chegaban ata a beira do río. O benedictino berciano, tan ligado a Pontevedra, xa citado, di que viu algúns gafos "recluídos en una jaula a los píes de la iglesia que servía a los leprosos que aún no tenían la gafedad" e dá "Noticia de Algunas Voces Gallegas Antiguas" sacadas de varios documentos dos séculos XIV o XVI encadernados nun tomo, "pertenecientes al Santuario de Nuestra Señora del Camiño, y Hospital Antiguo de los Lazarados, Malatos o Gafos, extramuros de la Villa de Pontevedra, al mediodía".

Nos últimos anos da década dos 60 canalizouse e cubriuse o río na zona de Campolongo (actualmente unha alameda). Pasaba este sen ser un "Guadiana", á vista de todos, pola estación do ferrocarril -que naquela época se atopaba onde está a actual Praza de Galicia- e sen edificacións nas súas beiras, como agora preto da súa desembocadura, o lavadoiro cos seus tendais, próximo á academia de Teresa Abelleira.

Pola fronte, e ata a avenida Raíña Victoria, o amplo poboado "Vergel", predio que hoxe ocupa o instituto "Sánchez Cantón", que foi inaugurado no curso 1968-1969. Á esquerda estaba o entón Comedor de Auxilio Social, a Delegación do Ministerio de Obras Públicas, a capela de San Roque e a praza de touros.

A vía férrea que partía da estación unía dende 1899 Pontevedra con Carril, para enlazar con Santiago de Compostela, coa Escola Normal e a Deputación no ángulo esquerdo. A actual Alameda era coñecida naqueles tempos por "Campo da Verdade", "Campo das Rodas" e "Campo de Santo Domingo", denominación esta última na atención á proximidade do Convento dos Dominicos, ós que pertenceu todo este terreo, que ía ata a mesma beira do río que nos ocupa, tomado polo Concello a finais do século XVIII.

Dende antigo era utilizado como paseo, con bancos e árbores plantadas polos propios frades, segundo conta no "Carmen Patrium", escrito en Bolonia no 1762, o P. Amoedo Carballo, logo traducido do latín ó galego por Juan Manuel Pintos.

Do "Campo de Santo Domingo", di no seu "Diccionario" de 1845 Pascual Madoz que "...es el más capaz y hermoso por su localidad; tiene de largo 352 varas y de ancho 130; dentro de este espacio hai una alameda cerrada por un canapé de cantería, la cual cuenta con 229 varas de longitud y 58 de alto, y se halla dividida en cinco espaciosas calles con árboles y un ancho salón; adornan este campo 91 acacias y 57 grandes robles..."

Tal era a alameda do século XIX, unida a "Las Palmeras" o "Jardines de Vicente", antes de que se construísen os nobres edificios do Instituto de Primera Enseñanza (hoxe Valle Inclán), o pazo da Deputación (antes instalada no que foi o Convento dos Franciscanos) e a primitiva "Escuela Normal de Maestros" (logo Instituto Femenino e hoxe Delegación de Educación).

Limitando co final da "Moureira de abaixo" ou de "San Roque", sobre a desembocadura do río levantábase unha ponte denominada segundo as fontes "Ponte Nova" ou "Ponte Vella" e que xunto coa outra ponte, a do Burgo ou "Ponte da Vila, deu orixe á denominación de "Ad Dúos Pontes" coa que se coñeceu a Pontevedra.

Está confirmado o paso dunha calzada romana pola cidade (ad Dúos Pontes). A dita calzada, de dirección sur norte, seguida da depresión meridiana Tui-Padrón, entraba polo val do río Gafos e saía pola beira esquerda da marisma do Bao en dirección a Caldas de Reis, despois de cruzar o río Lérez fronte o esporón que separa as marismas do Vao e do Lérez, moi preto de onde se alza a ponte do Burgo.

O paso desta vía romana deu lugar a distintas hipóteses sobre o seu trazado exacto, unha delas supón que a vía romana cruzaba o Gafos pola ponte do Couto, un pouco máis arriba da ponte Bolera, xa que nas proximidades se atopou un cipo conmemorativo. As hipóteses que sitúan a segunda ponte sobre o Gafos teñen ó seu favor a relativa proximidade deste río á ponte do Burgo, e na contra a escasa importancia deste, hoxe parcialmente canalizado. As outras dúas hipóteses sitúan esta ponte ben sobre o río Verdugo en Pontesampaio ou ben outra ponte sobre o río Lérez.

O "río dos Gafos" tivo unha especial significación para os habitantes dos arrabaldes da Moureira: as mulleres acercábanse ás súas beiras, dende tempo inmemorial, para lava-la roupa. Da súa importancia dános unha idea o feito de que entre a serie de mitos populares referentes ó nacemento dos arrabaldes sobreviva un relacionado coas lavandeiras.

A comezos de século a maioría das casas da cidade non contaba con auga corrente (a primeira que dispuxo dela é o Palacete dos Mendoza no 1897), xa que a traída de augas foi un dos problemas que máis tardou en solucionarse na cidade, ó igual cá rede de sumidoiros, cuxo plano xeral non se executa o seu plano xeral ata 1922. A necesidade de roupa nas casas obriga a lavala nos lavadoiros públicos; son moi concorridos en Pontevedra, ademais do dos Gafos, o da Tablada, ambos no curso do río Tomeza, xa que estaba prohibido lavar ó longo de todo o curso do Lérez.

Posteriormente xorden outros con maiores comodidades, incluso con luz eléctrica. A eses lavadoiros ían as mulleres de clase artesá e as lavandeiras que recollían e lavaban roupa da burguesía acomodada da cidade; polo xeral os luns as lavandeiras percorrían as casas para as que traballaban e recollían en grandes cestos a roupa sucia, e con eles na cabeza dirixíanse ó río, onde comezaba o proceso de lavado.

Na foto adxunta podemos ver ó fondo unha parte dos xardíns de Vicenti, nos que ata 1896 se celebraba a feira do gando, sobre os terreos que pertenceron ó convento de Santo Domingo, limitando o sur cun gran terraplén sobre o río dos Gafos, onde en 1899, ó facerse a liña férrea Santiago-Carril, se constrúe un muro de contención e posteriormente en 1919 a urbanización do paseo da Raíña Victoria.

O río Lérez describe no seu último tramo, antes de recibi-las augas do Gafos e diluírse no leito salgado da ría,unha ampla semicircunferencia para rodear un escarpado promontorio no cal se alzaba, no cumio, o primitivo templo de Santa María. ó longo da ribeira fluviomarítima asentouse o arrabalde marítimo pesqueiro da Moureira.

A configuración topográfica do promontorio do río constitúe o outro factor determinante do desenvolvemento urbanístico do novo Burgo. Trátase dun esporón penal semicircundado polos ríos Lérez e Gafos, coroado por unha ampla plataforma, no cal se atopaban, nos seus puntos máis elevados, os asentamentos de San Francisco e Santa María. Nos seus límites sur e oeste, descende ata o río, nunha abrupta pendente, mentres que polo norte, é dicir, pola ponte, faino en suave costa.

O outro núcleo da Pontevedra medieval era o arrabalde marítimo pesqueiro da Moureira. Estendíase en forma de cidade lineal, ó longo do arco litoral, debuxado pola ribeira esquerda do río Lérez, dende a ponte do Burgo ata a enseada que formaba na súa desembocadura o río dos Gafos. As ordes da vila, as empinadas costas polas que descendía ata o río a plataforma da actual alameda e as escarpaduras do río dos Gafos limitaban a súa expansión terra adentro. Iso, unido á necesidade, vital para os mariñeiros, de asentarse nas inmediacións do mar, fonte de traballo e riqueza, determinou a súa configuración alongada e costeira e a súa división en tres tramos: A Moureira de Arriba, augas abaixo da ponte do Burgo, A Moureira da Barca, e A Moureira de Abaixo ou das Corbaceiras, xunto á desembocadura do río dos Gafos.

Existiron na idade media outros dous hospitais na Vila: un de lázaros xunto a Nosa Señora do Camiño e outro de gafos xunto á desembocadura do río. Como restos deste último considérase unha edificación, da que sobresae con Patín Gerardo sobre altas pilastras cuadrangulares, inmediata a ribeira do río.

O templo de Nosa Señora do Camiño alzábase dando fronte o camiño portugués (rúa da Peregrina), no predio preocupado pola rúa Frei Juan de Navarrete. Descoñecémo-la data de construcción e as características do primitivo templo e hospital, xa mencionados no século XIII.

Tamén foi obxecto da acción concelleira a Ponte Nova, sobre o río dos Gafos, que comunicaba a vila co porto de Marín. En 1956 procédese a reparala e a dotala de portas. Na Moureira, non obstante, o enorme crecemento da poboación mareante obriga a amplia-lo trazado medieval con algunhas rúas novas, como a das Corbaceiras.

O templo de Nosa Señora do Camiño débese atopar nun mal estado a finais do século XVI. Unha primeira reparación, aínda que insuficiente, realizouse no 1572. Anos despois, no 1588, procedeuse a unha profunda restauración. As obras iniciáronse no 1594, actuando co mestre Máteo López, que decide "derrocar y hechar por el súelo la capilla maior..., para ensancharla y hacerla de nuevo."

As Corbaceiras, coñecida tamén como "A Moureira de Abaixo" ou de "los pescadores" ten hoxe un aspecto totalmente diferente ó que presentaba nos albores do presente século. Grandes edificios sustituíron as brancas casas de pescadores, construídas nas limpas ribeiras dunha cidade que naceu para beber do Lérez.

A ronda sur e o seu descoidado paseo vertebran a zona que hai un século era patrimonio do mundo mariñeiro, e que se transformou no principal eixo formigonado da circunvalación.

Pontevedra perdeu precisamente neste laborioso barrio o encanto mariñeiro.

Xunto co encanto mariñeiro de "As Corbaceiras", por antonomasia débese falar doutro tipo de colectivos. Ningún historiador esquece a prostitución que se exercía con tolerancia neste barrio durante o franquismo.

O predio do Pazo de Campolongo era propiedade dos Marqueses de Leis, que eran unha das familias máis destacadas de Pontevedra e que posuían, ademais, outras edificacións importantes na praza do Teucro e San Xosé. O pazo estendíase ó longo de todo o que hoxe en día é o polígono de Campolongo, bordeando o río dos Gafos.

A historia do edificio cambiou cando no 1943 a familia Leis decidiu alugalo á Delegación Provincial de Xuventudes. O pazo contaba con torre adosada e alameda, pombal e capela, formando un ángulo recto co resto do edificio.

A última etapa da historia do pazo de Paco Leis estivo marcada polos eventos deportivos. O pazo foi trasladado pedra a pedra á Casa de Campo de Madrid, para servir como sede da provincia de Pontevedra. Actualmente é un restaurante galego.

Nos terreos do pazo plantouse un eucaliptal, xa desaparecido, e construíronse unhas amplas pistas polideportivas, que serviron de lugar de adestramento.

As instalacións completábanse cunha cancha de baloncesto, unha pista de atletismo e outra de balonmán de terra batida e serviron de escenario a importantes eventos deportivos nos anos cincuenta e sesenta. Alí disputáronse os campionatos de España de aeromodelismo e voo sen motor, e a celebración da primeira "Copa del Jefe del Estado" de Balonmán, na que se disputou un encontro entre o Teucro e o Atlético de Madrid.

Os Xogos Nacionais Escolares celebráronse tamén en Campolongo, onde se forxaron deportistas da talla de Manuel Gil Cota, César Novoa, José Luís Torrado, Manuel Couso García, Curro Volta ou Jesús Hermida Cebreiro, que foi o primeiro presidente do Comité Olímpico Español e secretario do Estado para o deporte nos anos oitenta.

Foi a mediados dos anos setenta cando se iniciou a expropiación dos terreos que pertencían ó pazo e ós da antiga estación da Praza de Galicia, para comeza-la construción do polígono de Campolongo. A obra realizouna o Ministerio da Vivenda, a través do plano xeral da vivenda, e iniciouse no 1968; foi o enxeñeiro Antonio Iribarren Negrao.

A constructora que asumiu o proxecto foi "Construcciones Crespo", con sede en Pontevedra. A obra dilatouse uns anos ata que no 1972 se entregaban os primeiros edificios; esta obra incluía, obviamente, a cubrición do río dos Gafos ó seu paso pola alameda de Campolongo e posteriormente foise urbanizando a zona coa construción da piscina municipal, os colexios, a igrexa, a desaparición do eucaliptal, as rúas que a atravesan e a alameda en xeral, ata chegar ó seu estado actual.

Foi moito despois, a principios dos anos noventa, cando se realizou unha actuación relevante na zona: foi a construción dun tramo do colector de augas residuais que está situado na beira dereita do río dos Gafos.

Volver